Que é un Plan de Igualdade?
Un Plan de Igualdade é un mapa, unha folla de ruta. Un documento no que se recollen os pasos a dar como concello no camiño cara unha igualdade real entre mulleres e homes.
Tras o desenvolvemento do II Plan de Igualdade, o obxectivo deste novo documento será sinalar unha serie de medidas concretas e realistas que impacten de forma positiva nas vidas das mulleres e dos homes do concello de Narón, desenvolvendo actuacións que favorezan a participación en pé de igualdade de todas e todos en tódalos ámbitos da nosa sociedade.
Como pode o III Plan mellorar a igualdade entre mulleres e homes no concello?
Deseñando e implementando accións en diferentes áreas de actuación, este novo Plan seguirá o camiño sinalado por documentos previos. Así, na elaboración do documento avaliaremos e daremos continuidade a aquelas medidas que xa están a incidir na igualdade (conciliación; rexeitamento das violencias machistas; recursos de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero; coeducación; atención á diversidade, etc.) ao tempo que se crean outras que poidan atender a aquelas necesidades novas ou aínda non cubertas.
¿Por que é importante a participación da cidadanía no III Plan de Igualdade?
A elaboración do III Plan de Igualdade pénsase coma un proceso participativo; unha oportunidade para escoitar a voz da cidadanía; para coñecer as súas problemáticas concretas, deseñando así ferramentas que se adapten ás vidas de veciñas e veciños, dando resposta ás súas necesidades do xeito máis eficaz posible.
Non obstante, é un erro pensar que os plans de Igualdade soamente van dirixidos ás mulleres, xa que a educación en valores machistas ou os estereotipos de xénero tamén afectan e marcan a vida dos homes.
Por todo isto, resulta imprescincible a participación da totalidade da cidadanía na elaboración do III Plan, xa que o seu éxito dependerá da colaboración entre todas e todos.
¿Quen pode e debe formar parte do proceso participativo?
Coas achegas de todos os axentes involucrados no proceso participativo acadarase o mellor resultado posible para o III Plan de Igualdade: Goberno local e Servizos Municipais (Servizo sociocomunitario, Cultura, Padroado de Deportes, etc.); as asociacións veciñais; o terceiro sector; as comunidades educativas; os colectivos feministas e as asociacións de mulleres; as entidades de persoas con diversidade funcional; as de persoas migrantes e da diversidade cultural, etc.
Como podo participar no III Plan de Igualdade de Narón?
Hai dúas canles para participar na elaboración do III Plan:
- No Foro Cidadán “Próximos pasos no camiño cara a igualdade real”
Aberto á participación de toda a cidadanía interesada en facer achegas para definir os pasos a dar cara a igualdade no ámbito municipal
Xoves 4 de novembro de 2021
De 17:00 a 20:00 h.
No Local Social do Alto do Castiñeiro
- Nesta mesma páxina!
Fainos chegar as túas ideas a través desta mesma plataforma de participación cidadá (botón SUXERIR UNHA PROPOSTA), achegando as aportacións, propostas concretas, ou suxestións que consideres oportuno ben de xeito individual, ben mediante propostas colectivas dende cada asociación, entidade ou colectivo, para a súa valoración polo equipo de traballo redactor do III Plan de Igualdade
Aberto do 15 de outubro ao 15 de novembro de 2021